NORMAL

NORMAL é o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. A norma define unha resposta que non precisa interrogación. NORMAL quer ser, porén, permanente interrogación. NORMAL non é normal. Isto é o normal para nós.

No momento da súa construción, 1955, o edificio deseñado por Antonio Tenreiro foi a Escola Normal de Maxisterio. De aí NORMAL. Así foi coñecido sempre na Coruña. Cando rescatamos o nome recoñecemos unha historia ligada á educación e, máis concretamente, ao que foi a Cidade escolar, o xermolo, cos edificios de Náutica e de Comercio, do que anos despois sería esta Universidade.

NORMAL, por outro lado, arrastra significados que, desde o punto de vista do proxecto cultural que presentamos, soamente cabe interpretar en clave irónica: norma, regra, sistema, forma previsible ou incluso simetría, isto é, aquilo mesmo que aquí se cuestiona.

O edificio

O edificio de NORMAL foi deseñado para ser Escola Normal de Maxisterio polo arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez (1893-1972), autor de obras tan significativas como o Banco Pastor, o mercado de Santo Agostiño ou o Arquivo do Reino de Galicia, entre moitos outros. O proxecto orixinal enmarcábase no máis amplo da chamada Cidade escolar de Riazor, do que forman parte Náutica (1948-1956), o actual CUR (1941-1947) –que antes fora Comercio-e o chamado Instituto Masculino (1941-1947). Tenreiro, represaliado tras 1936, puido con todo levalo a cabo e as obras remataron en 1955. As obras de adaptación para o uso como espazo cultural débense aos arquitectos Mario di Felice e Gabriel Santos Zas.

Áreas de intervención

NORMAL é un espazo cultural activo, un espazo de intervención. Quer isto dicir que é lugar de creación e de debate, non un simple escaparate. NORMAL é un contedor para a produción/coprodución de iniciativas e de proxectos propios: nova escena contemporánea, cinema, artes visuais, multimedia, música avanzada, voluntariado e cooperación… A inauguración do teatro NORMAL, previsto para setembro, abrirá novas posibilidades para a produción e para o intercambio.

A formación é parte esencial da oferta cultural e social da Universidade, con master class e cursos de cinema, voluntariado, artes, etc. No primeiro andar de NORMAL vai estar dentro de poucos meses a Universidade Sénior.

Espazo para novas linguaxes

Atraer á xente moza á cultura e crear novas demandas e públicos mediante a oferta de espazos atractivos e abertos, sen rixideces, onde poidan ler, ver películas ou simplemente discutir. Unha programación diferente, interdisciplinaria, vinculada á experimentación, ás novas linguaxes contemporáneas, preferentemente urbanas e aquelas ligadas ás Media-Arts. Espazos abertos á sociedade e aos artistas, ás asociacións, á colaboración institucional, dentro de criterios de calidade. Talleres onde creadores da Universidade e de fóra dela poidan producir e despois expor o seu traballo. Ligar a cultura á vida pública no sentido máis amplo, con atención á reflexión sobre políticas de xénero e a cooperación. Oferta de cursos e master class sobre arte, cinema, literatura, músicas, pensamento e todas aquelas actividades que antes estaban dispersas na Universidade. Sermos un foro aberto de debate sobre as circunstancias políticas e sociais do noso momento e lugar. Abrir redes de colaboración nacionais e internacionais con outros espazos semellantes.

Aberto ás culturas urbanas

A quen nos diriximos? Concibimos a oferta cultural como unha prolongación das aulas na rúa. Dunha parte, como complemento da misión formativa integral que dá a universidade e, doutra parte, como prolongación e devolución á sociedade dos saberes e coñecementos que creamos ou transmitimos. O concepto de portas abertas é esencial para o servizo público universitario. A Coruña e comarca ten hoxe unha amplísima programación cultural que, con demasiada frecuencia, produce sobreoferta. Con todo, agás excepcións, fican fóra dos espazos recoñecidos os eventos máis innovadores ou máis vangardistas, os menos convencionais. Quer isto dicir que tamén hai un público real ou potencial que, malia a sobreoferta indicada, non encontra o seu lugar. En canto espazo creado na universidade, vemos a universitarios e universitarias, á xente moza en xeral, como parte esencial deste proxecto.

Preocúpanos o afastamento das novas xeracións a respecto de calquera oferta cultural que non vaia ligada á música comercial. Preocúpanos asemade a ignorancia de boa parte do sistema cultural galego pola xente moza, polas súas linguaxes propias e polos seus modos culturais, que teñen xa e continuarán a ter unha dimensión supranacional. 1Abonda con asomarse a Londres ou a Berlín para comprendermos o vigor das chamadas culturas urbanas. A partir delas, o tránsito a outras modalidades culturais é posible. Outro tanto pode dicirse do noso lugar no mapa. Estamos na Coruña, mais pretendemos ser referente moito máis aló dos moitos aquís que compartimos.

spacer

NORMAL E SINSAL

54 fotos

spacer

ACCION#1

25 fotos

spacer

inauguración

17 fotos

spacer

o edificio

95 fotos

spacer

achegarte

15 fotos

gipoco.com is neither affiliated with the authors of this page nor responsible for its contents. This is a safe-cache copy of the original web site.