Na recoñecida traxectoria como deseñadora de uqui.net, socia fundadora da Asociación Galega de Deseñadores (DAG), sobrancea o seu interese por pensar o espazo público e por achegar solucións que, desde esta disciplina, melloren e optimicen as súas dinámicas espaciais e de relación. Esa preocupación polo público traspásase tamén á vontade de implicar as institucións e alentar políticas que impulsen un eido do pensamento, o deseño, comunmente minusvalorado. "Existe a percepción de que é algo que pode facer calquera, ou que se reduce á elaboración dun cartel ou dunha identidade corporativa. O deseño resolve problemas que non se resolverían sen coñecemento ou sen creatividade. Temos que facer visible a súa importancia porque moitas veces os seus efectos beneficiosos non son tanxibles", sinala a deseñadora. Permui ocupa, desde hai seis meses, en representación de DAG, a secretaría da READ (Red Española de Asociaciones de Diseño), que celebrou en Málaga, o pasado día 13, o seu III Encontro Nacional.
"Represento á DAG na executiva rotatoria de READ", sinala Permui, que recoñece o esforzo inclusivo desta rede e o traballo conxunto para tecer vías de traballo e gañar "en visibilidade e comunicación". Varios foron os asuntos abordados no foro de Málaga, entre eles a importancia das escolas, cifrado nun acordo cos CEA (Confederación de Escolas de Arte) para convocar un encontro entre asociacións profesionais de deseño e centros de formación en primavera. Permui salienta tamén as conversas para crear unha comisión permanente da READ e o Museo Nacional de artes Decorativas para impulsar un futuro Museo do Deseño de España.
A necesidade e "incorporar o deseño gráfico e de servizos" tanto ás empresas como ás institucións; resituar o deseño nos actuais centros tecnolóxicos de innovación; ou debuxar un novo pacto coas institucións para garantir a presenza de deseñadoras e deseñadores no eido do público son obxectivos sinalados por uqui Permui desde a secretaría de READ.
Fran P. Lorenzo
Artigo publicado en El Correo Gallego link á edición online
Parte da organización do Terceiro Encontro de Deseño celebrado en Málaga, Juan Aguilar (presidente de READ, miembro de aad), Eugenio Jiménez (aad), Teresa Jular (dip), Alonso Cerrato (aad), Javier Fernández (di_mad), Uqui Permui (DAG) y Gelo Álvarez (di_mad).
Merquei este cartel a finais dos noventa… moito máis tarde descubrín que era dunha deseñadora gráfica alemá: Nauka Kirschner, que forma parte do estudio doppelpunkt, xunta a Petra, Claudia e Birgit. Este cartel converteuse nunha referencia, non só para min, xa que forma parte do arquivo da Bauhaus…
Escoitar a entrevista no Diario Cultural de Radio Galega.
A partir da Caligrafía Gótica Rotunda atopada nos documentos presentes na exposición de San Francisco e o seu tempo realicei a caligrafía con plumilla plana para a portada do libro, e os títulos para os diferentes capítulos.
Esta caligrafía apareceu en Italia e tivo moita aceptación en España a partir do século XII, sobre todo para textos informais, utilizouse ata que no século XIV apareceu a Humanista ou antiqua, esta recuperaba os trazos medievais, reaccionando así ao barroquismo da caligrafía gótica.
Este é o resultado da estampaxe sobre tela no lombo
Entrecruzar gráfico entre Brasil, Portugal e Galicia
Uqui Permui
Dende que Isaac Díaz Pardo nos contara para a publicación Entrecruzar, como traía e levaba a Buenos Aires as maletas cheas de libros para editar: “o libro de Blanco Amor tróuxeno nunha das viaxes que fixen dende América –crucei trinta veces o Atlántico; iso permitiume poñerme en contacto con xente de París, de Buenos Aires…–; Blanco Amor deume os orixinais para que os publicara Galaxia, pero a censura botouno abaixo. Cando volvín a América, levei o volume censurado e Luís Seoane publicouno en Citania…”¹. Fascinoume esta trasfega de libros e influencias, e, na medida en que afondo máis, descubro que a sociedade contemporánea da rede global procede dun século que non estaba menos globalizada; en todo caso, relacionábase dunha maneira diferente. Un exemplo témolo nas primeiras industrias metalgráficas, como La Artística, fundada a principios do século pasado na Coruña por Eugenio Fadrique, que terá os conserveiros franceses como interlocutores das gráficas estampadas nas latas de conservas. Naquel momento, Francia e Italia eran os dous países que exercían unha maior influencia, e a Belle Époque exportábase ao mundo enteiro. En Rio de Janeiro, por exemplo, vivíase nesa época unha idade dourada moi similar á das grandes cidades europeas; a modernidade respirábase na remodelación urbana, construíanse avenidas e xurdían numerosas revistas políticas, femininas e deportivas…
O cubismo, o fauvismo e o surrealismo calaron tamén nos artistas galegos, e temos referencias de que o expresionismo o coñeceron a través do libro Der Expressionismus de Paul Fechter, adquirido por Castelao na súa viaxe a Alemaña en 1921², traducido por Otero Pedrayo e lido nos faladoiros co grupo Nós, importante referencia cultural que se reunía na imprenta de Ánxel Casal para falar de política, de libros e idear próximas revistas. Tamén foi importante nese momento o futurismo, que enganchou despois da Primeira Guerra Mundial co construtivismo ruso, sobre todo para os artistas portugueses que regresan de París, rompendo co modernismo e orixinando as primeiras edicións futuristas. Paralelamente, Walter Gropius fundaba en Weimar a Bauhaus, un dos movementos máis rompedores e influentes no deseño, e crea unha nova corrente industrial. László Moholy-Nagy foi un dos responsables desa corrente e do seu desenvolvemento tipográfico específico nos anos vinte; lanzou ideas transgresoras nese momento, como a idea do tipo sen maiúsculas, recurso moi utilizado polos grafistas en puntos moi afastados, e que atopamos mesmo nas gráficas de Luís Seoane, así como o de empregar títulos nas capas en corpos 10 ou 12, como Seoane dicía, “nun alarde de distinción e austeridade, utilizando o que chamabamos tipo universal como máis claro e definitivo. Coñeciamos as experiencias tipográficas futuristas e cubistas, as rusas de arredor de 1920, as de Lisitsky, as de Werkman en Holanda, os traballos modernistas-góticos do escultor e gravador Eric Gill, a nova tendencia entón dos construtivistas alemáns, os ensaios do letón Niklaus Strunke, os de Herbert Bayer na Bauhaus, e case todos os estudos de composición gráfica, de contrastes de tons e ópticos que logo ían influír notablemente na pintura e nas artes plásticas en xeral”³.
E as correntes políticas lévanos cara a lugares nos que poidan desenvolver a súa gráfica pegada á ideoloxía. Luís Seoane vai coincidir co alemán Jacob Hermelin e co italiano Attilio Rossi, tamén escapando de Mussolini, en Arxentina, e para alí levou a simplicidade e o “rigor xeométrico”, pero Luís Seoane e Isaac Díaz non estaban totalmente de acordo con esas liñas; fronte ao formalismo da Bauhaus e da escola de Ulms, eles reivindican os debuxos prehistóricos de Galicia, os bordados de camariñas, as cerámicas e todo o que representa e poida ser adaptado á industria. “Queremos, modestamente, claro, –dicía Seoane– probar que o que uniforma diminúe o home, que as diferenzas culturais enriquecen a humanidade enteira, e que o deseño é un elemento importante para todas as culturas…”
Esa idea defenderana ambos en moitos escritos durante toda a súa vida, reclamando as formas e os símbolos herdados, como puxeron en práctica co laboratorio das formas, que comeza a fraguarse nos anos cincuenta en Arxentina. Unha defensa similar cara á propia identidade realízana os deseñadores brasileiros, que recoñecen que ao principio do século XX as prácticas contemporáneas que chegaban de América e de Europa eran consideradas como o “deseño monumental”. En Brasil, a Escola Alemá tivo moito éxito porque conectaba as prácticas artísticas coa produción, que era o que precisaban, pero sempre facendo unha interpretación cromática e identitaria desas influencias, en consonancia co tropicalismo, e cun movemento social e político que emerxeu nos anos trinta, e foi máis significativo nos sesenta, que reivindicaba a brasilidade. Sobre todo nos medios intelectuais e artísticos da esquerda comprometida en proxectos revolucionarios, recuperábanse as representacións da mestura do branco, do negro e do indio na súa construción identitaria, na procura de recuperar as raíces e, asemade, romper co subdesenvolvemento.
En 1959, Tomás Maldonado e Otl Aicher imparten unha conferencia no Museo de Arte Moderna (MAM) de Rio de Janeiro, que vai ser un dos xermolos para a creación da Escola Superior de Desenho Industrial (ESDI). A arte construtiva colocou a Brasil na modernidade, nun momento marcado polo soño de construír Brasilia, a súa gran capital, modernidade que foi truncada polo golpe militar de 1964 apoiado polos EEUU.
En Portugal, o deseño ten moito máis percorrido e, aínda que, como en todas partes, nun principio está vinculado ás belas artes, xa no século XIX existe unha primeira xeración de deseñadores que terán moita relación con Europa, sobre todo con Inglaterra, Francia e Suíza. Nos anos cincuenta, influídos pola revista Graphis e o suízo Max Bill, desenvólvese o traballo de moitos deles, como Sebastião Rodríguez, cunha clara referencia a ese grafismo suízo, pero, como en Galicia e en Brasil, as súas cores e os seus trazos amosan unha identidade de seu. O mesmo ocorre coa deseñadora Maria Keil, que realiza entre 1949 e 1958 os murais do Metropolitano de Lisboa, con deseños xeométricos, con pouca figuración, nos que utiliza unha ampla gama de azuis e verdes desa época. A propia autora di que tiña unha gráfica moi dura, influída polos deseñadores suízos, que logo foi matizando.
O fío tecido co tempo entre as afinidades dos deseñadores semella ter máis relacións que a máis obvia: a lingua, e, malia ter Brasil unha paisaxe completamente diferente da nosa, quizais polas influencias europeas ou tal vez polas nosas influencias latinas, a verdade é que me podo identificar máis con esas cores que coas que podo atopar, por exemplo, na gráfica suíza, e podo recoñecer unha parte da nosa historia en común, e unha mesma preocupación por manterse no equilibrio entre coñecer as influencias externas e incorporalas ás particularidades de cada país. “Unha máquina de afeitar fabricada en Alemaña ou no Xapón terán, seguramente, igual deseño cosmopolita, mais o envase comercial, o papel de envoltura, pertence ata agora ao gusto de cada pobo. Defendamos, pois, ese gusto popular, unido a unha sensibilidade particular, antes de que nos oprima a illustromat, nos bote cara a un lado como inútiles seres humanos, capaces só de botala a andar, de facer preguntas e de agardar respostas”⁴. Penso que, mesmo máis alá do que propoñía Seoane, a propia máquina de afeitar nos podería falar tamén de identidade. Precisamente no momento actual, en que as tecnoloxías parecen non ter límites, o noso papel semella, para min, aínda máis importante, como interpretadores do imaxinario ao mundo contemporáneo.
Santiago, abril de 2014
Referencias bibliográficas
Chico Homem de Melo, Elaine Ramos. Linha do tempo do design gráfico no Brasil. São Paulo, Cosac Naify, 2011.
Francisco Fernández del Riego. Luís Seoane desde a memoria, Edicións do Castro, 1994.
Helena Barbosa. “Séc XX: 1931-1940 historia do cartaz português”, Arquitectura e Vida, n.º 93, 1977.
Luís Seoane. Textos sobre Arte Galega e Deseño, Edicións A Nosa Terra, 1994.
Luís Seoane. Catálogo Ao pé do prelo. Luís Seoane, editor e artista gráfico. Xunta de Galicia, 2010.
John Barnicoat. Los carteles, su historia y su lenguaje, GG 1972.
Marcelo Ridenti. “Artistas da revolución brasileira nos anos sesenta”, Revista Prismas, n.º 13, Universidade Estadual de Campinhas, 2009.
Margarida Fragoso. Design Gráfico em Portugal. Livros Horizonte, 2012.
Mercedes Bangueses Vázquez. La ilustración del libro en Galicia. Xunta de Galicia, 2008.
Os artistas de Ánxel Casal. Arte e edición nunha Galiza entusiasmada. Catálogo da exposición do Auditorio de Galicia 2005, ano de Ánxel Casal.
—
¹Nogueira, C.; Permui, U. Entrevista a Isaac Díaz Pardo, visita guiada ao IGI. Entrecruzar, itinerarios icónicos de ida e volta. Proxecto Edición, Xunta de Galicia, 2006. Pódese descargar a entrevista en uqui.net/proxectos/entrecruzar.
²Bangueses, M., La ilustración del libro en Galicia, CGAC (p. 167).
³Seoane, L. “Breve crónica en relación conmigo e as artes gráficas, 1957”, no catálogo Ao pé do prelo. Luís Seoane, editor e artista gráfico. Xunta de Galicia, 2010 (p. 39).
⁴Seoane, Luís. “Cara un deseño que considere as particularidades de cada país”, en Textos sobre Arte Galega e Deseño. Edicións do Castro, 1970.
Mapa de influencias
English version
A entrevista celebrouse con motivo da súa participación como xurado no concurso de logotipos, iniciativa levada a cabo pola plataforma Profestival co obxecto de dar promoción e animar a que se mellore a imaxe dos festivais organizados en España.
Nesta conversa fálase sobre os elementos principais a ter en conta para valorar un logotipo, ou que se precisa saber de cara a traballar na imaxe para un novo festival.
No xurado tamén participaron: Oriol Pibernat (director de Eina) e Ricardo Llavador (director creativo de Liquid).
Ler as entrevistas a Uqui Permui, Oriol Pibernat e Ricardo Llavador.
Publicado no blog de Profestival.net.
Sempre sentín curiosidade pola “nosa” insignia, e coñecer, como e quen a deseñou, se é que alguén o fixo… existen varias lendas, que xa indaguei na publicación Entrecruzar. Itinerarios icónicos de ida e volta , no que recollía a referencia máis antiga que atopara: “A bandeira galega só ten dúas cores: branco e azul. O fondo é branco e, desde o ángulo superior esquerdo ata o ángulo inferior dereito atravesando o centro, unha franxa de cor azul que debe ter o ancho da terceira parte do alto ou ancho total da bandeira. (El Eco de Galicia, A Habana, Cuba, 1898)”. Logo existen outras, como a de Ramón Cabanillas, no seu poema “En Pé!”, escrito en 1917, dicía: Irmáns no amor á Suevia / de lexendaria historia, / en pé! en pé dispostos / a non morrer sin loita! / O día do Medulio / con sangue quente e roxa / mercámo-lo dereito / á libre honrada chouza! / Xa está ó vento a bandeira azul e branca! / A oliva nunha man, a fouce noutra, / berremos alto e forte: / “A nosa terra é nosa!.
E ben, imos a analizala un pouco en detalle. As cores, branco e azul celeste son para calquera código cromático, unha combinación pouco visíbel. Ademais, si a explicación conceptual (non sei si real) que se dá, de que é a franxa do rio Miño, entón sería un azul máis escuro. Pero o máis suliñable da icona, é a franxa “caendo” de esquerda a dereita, unha das claves máis básicas da percepción visual é que unha liña cruzada dende un punto superior da esquerda a un punto inferior da dereita, exemplariza a acción de baixar, o mesmo que sube unha liña que cruza dende o extremo inferior esquerdo ao punto superior dereito.
Entendo que, de ser certa a lenda de que se creou a partir da memoria dos exiliados, que se lembraban da insignia da mariña Coruñesa (unas aspas azuis sobre branco) a memoria e o sentimento, nese momento, sería de esmorecemento. Pero nalgun momento sería oportuno quitarnos a morriña de enriba… como país, como xente.
Supoñendo que as bandeiras son un elemento de exaltación, poderíamos dicir que é unha imaxe anti-icónica, no se pode proclamar o ‘desvanecemento’ ¿ou si?
Así que a miña proposta de bandeira sería esta, unha franxa ancha e rotunda que sube ata o infinito, ou máis futurista…
Hoxe inaugúrase a exposición "Gold, green and black" no Museo dás Peregrinacións (sede da praza de Praterias). Organizada polo Consorcio de Santiago.
Realizamos o deseño gráfico e expositivo, ademais de compartir con Ton Arias, Peiteavel e Adolfo Enríquez unha mirada sobre Compostela...
A exposición estará aberta ata o 31 de decembro.
Dicía Luís Seoane, que «cada libro ten unha historia que contar, independente do tema que trate, unha historia referida a súa edición», e así é, normalmente unha historia invisible.
Neste caso, Ouro, verde e negro… xorde dunha proposta do Consorcio de Santiago de Compostela para crear un libro sobre Santiago de Compostela a partir dos relatos —fotográficos e escritos— feitos por varios autores de referencia.
Un primeiro paso foi analizar o material, e encontrar un punto en común entre eles, así, debaixo de cada palabra e imaxe, descubrín a vivencia que cada un ten coa cidade, polo que pensei que a mellor forma de participar no libro era unirme a ese crisol de experiencias e sensacións, e amosar a miña visión de Compostela.
Santiago é fermosa de noite e de día, con sol e con choiva… a pedra recúbrea como unha pel que muda dependendo da luz, e nunca a atoparás coa mesma cor, por iso é tan especial, e tan interesante descubrir… só cando a recorres de noite baixo a choiva, podes quedar prendida polas luces escintilando no chan, como amosan as fotos de Peitavel, ou só cando despertas antes que a cidade, podes descubrir como brilla o branco das poucas paredes pintadas, ou o son das primeiras cadeiras que saen dos bares para recibir ao visitante e o dourado das pedras cos primeiros raios… As fotografías de Tono, Peitavel e Adolfo empuxáronme a ver a cidade dende outra perspectiva, subín á Torre da Carraca, e alí, dende a estrutura montada para restaurala, contemplando as liñas que constrúen o plano da cidade e recibindo a información que me enviaban as células fotorreceptoras, pensei en contar, uníndome aos seus relatos visuais, como cambia de cor a cidade, intentar analizar o seu circulo cromático, cos seus múltiples matices. E así, como por arte de maxia, todas as historias que tiña na mesa, fóronse ordenando para crear este libro.
Ouro, verde e negro, como lembraba Seoane dende Bos Aires «e alí entre as vellas pedras cubertas de liques, ouro, verde e negro, as fachadas románicas e barrocas, chuvia e néboa, acendéronse os meus primeiros soños […]» e deu a casualidade que isto lía mentres pensaba nas cores de Compostela, estou de acordo contigo Seoane… ouro, verde e marrón case tirando a negro.
Ver a publicación
Uqui Permui
Estamos traballando na imaxe deste restaurante situado no alto de Poio, no Camiño da Serpe, un restaurante que pola súa localización, arquitectura, identidade... e por suposto polos irmáns Cannas: o chef Xosé Cannas e o enólogo Juan Cannas, convértese nun lugar de culto da cociña galega.
Un dos problemas cos que se encontran xeralmente os restaurantes é como resolver a carta dos menús, e neste caso, que pode cambiar cada día, non queda máis remedio que sistematizalo, para iso lles creamos unha aplicación, que permite que eles mesmos poidan personalizar cada día o menú, por outro lado deseñamos unhas cartas máis xenéricas, para orientar aos comensais ao que lles pode ofrecer este restaurante con estrela Michelin. Para empezar a coñecelo recomendámos visitar a páxina web que deseñamos e desenvolvimos. Boa viaxe polas propostas culinarias…
A relación co Colexio de Psicólogos de Galicia (COPG) vén dunha longa amizade; no 96 realicei o seu logotipo, como me recorda agora Xabier Macias, Decano do Colexio nese momento, e con quen coincidiría posteriormente en moitos outros proxectos. E incluso, empezara a traballar na revista Cadernos antes, con Miguel Anxo García, co que recentemente conversei no seu despacho onde mantén un cartel deseñado no 2000, para o Congreso de neuropsiquiatría, comentamos que nos sigue gustando o cartaz-marca do congreso, e non podo deixar de sorrir recordando o que me impresionara aquela reunión, na que presentara a imaxe a un amplo grupo de psicólogos, e me analizaran profundamente o trazo.
Pero foi antes, a principios dos noventa, cando non existían os ordenadores “persoais” e para falar por teléfono tiñamos que estar pegadas á parede ou sentadas ao seu carón, cando empecei a deseñar Cadernos de Psicoloxía, realizaba as portadas coa técnica do collage e aerógrafo, e a tipografía rotulábase con letraset… as transparencias e opacidades marcábanse con papel vexetal, e o fotocopiado era unha ferramenta fantástica, ata tiña unha maquina que coloreaba as fotocopias por medio dunhas bandas, algo similar ao proceso de estampación que se usa para o oco gravado.
Cadernos, foi evolucionando, modificando o seu formato, e pasou por varias cabeceiras, ata que este ano, decidiuse dar o paso a unha revista online, unha web adaptable a distintos dispositivos, pensando no usuario e no tipo de publicación; unha revista de ensaio necesita ser unha ferramenta para a investigación. Por elo, é unha vantaxe que este dividida por artigos, ter un buscador, etc… e a idea é seguir transformándoa nunha publicación máis dinámica dándolle ao público a posibilidade de interactuar.
Casualmente este número fala da memoria, e na editorial, que fai o seu director, José Manuel Oreiro, recolle as palabras da novela de Lewis Carroll “Alicia a través do espello”, onde a Raíña Branca dille a Alicia que “a memoria funciona en ambas direccións”. A raíña non só recorda cousas do pasado senón tamén “cousas que pasaron a semana que vén”. Alicia replícalle que non se poden lembrar cousas antes de que sucedan, ao que a raíña responde:“Trátase dunha clase de memoria bastante pobre a que só funciona cara atrás”.
Como no conto, di Oreiro, recordar o futuro é o desvío da memoria que posibilita romper co previsto. Tomar conciencia de elo e asentar a memoria no “xa pasado” libéranos para poder imaxinar un futuro distinto.
* O título deste post o recollo do artigo de José Manuel Pazos "paseo pola memoria"
Arriba: dous números editados nos anos noventa.
Abaixo: Páxina interior do número 10, realizada en 1990 e último número nun dispositivo electrónico.
Cando Natalia Balseiro comentou a idea deste proxecto pareceume tremendamente interesante pero ao mesmo tempo moi difícil de concretar, e de comunicar...
Pero agora, unha vez elaborados os conceptos e propostas, o resultado creo que é moi claro e próximo... Como todas as boas ideas, penso agora, que de non existir se tiña que inventar!
E, en que consiste entránsito? En achegar proxectos artísticos ao público. Xa non temos que ir ao teatro para contemplar ou participar dunha boa peza ou experiencia artística, podémonola traer a casa, ao noso bar favorito ou ao parque do barrio, e como? Pois navegando pola web entransito.net escollendo entre os proxectos existentes, ao